A creación en 2010

A continuidade marca as tendencias artísticas no último ano

Tamén nas tendencias creativas se está a deixar sentir a crise, pero faino nun duplo sentido. Por unha banda, detéctase unha escora cara ás propostas máis conservadoras, que a nivel industrial garantan un mínimo retorno económico. Pola outra, a necesidade de facer máis con menos dá en propostas máis experimentais, como pode ser o caso dun bo feixe de filmes que chegaron ás nosas pantallas nos últimos meses. Especialistas en diferentes áreas analizan para nós a creación dos últimos doce meses.

Letras
No campo das letras, Dolores Vilavedra, profesora de Literatura Galega da Universidade de Santiago, sinala que no último ano “retrocede a edición de poesía en papel. Por mor da crise os editores están a apostar por fórmulas de pouco risco, de aí que a novela manteña ben a súa presenza”, explica. Esta mesma tendencia explica en certo xeito a tendencia crecente a contarmos na nosa lingua con traducións de autores recoñecidos a nivel internacional com Paul Auster ou Martin Amish, entre outros. “vese un auxe nas traducións de escritores internacionais, relacionado con esa aposta sobre seguro. Queda no entanto, certa marxe para os máis novos. Non saen moitas voces pero si interesantes, con autores que se estrean xa cunha certa madurez, como son Iolanda Zúñiga ou Iván García Campos”. Malia á aparente retirada da lírica do panorama editorial, esta profesora advirte que iso non implica unha caída na produción ou na calidade da mesma. “A poesía ten moitas canles de supervivencia. Hai moita xente que publica nos seus blogs, como Xoán Abeleira, con fotografías e formatos coidados. Logo hai tamén recitais e festivais. Neste sentido á poesía non lle veñen malas as épocas de crise, porque obrigan a buscar novos formatos”. Canda a estas tendencias, Vilavedra apunta un feito que, ao seu ver, pode marcar un punto de inflexión no sistema literario galego. “A retirada de Suso de Toro é un motivo de reflexión interesante. Para o público resulta chocante que abandone un autor que aparentemente contaba co beneplácito dos lectores. Amosa tamén ata certo punto o frívolo que é o sistema que fixese tan pouca reflexión sobre este asunto”.

Audiovisual
Dentro do audiovisual, é Pepe Coira, especialista neste campo e antigo director do Centro Galego de Artes da Imaxe, quen destaca “a ficción televisiva con talentos formados en Galicia, que está a ter un papel moi destacado no ámbito español” como principal tendencia do ano. “Están, por exemplo, Piratas, Gran Reserva ou Hispania e isto é moi sinalado”. Non está tan convencido Coira da existencia do “Novo Cinema Galego”. “Non teño claro ese selo, non acabo de ver a súa unidade e está moi aberto a discusión. Si me parece evidente que houbo excelentes noticias nun territorio que pode ser o do cinema máis independente. O papel que tivo Todos vós sodes capitáns en Cannes é unha gran noticia e nese tipo de cinema hai varios autores moi destacados. É a primeira vez que se pode empezar a falar de xente que representa tanto ao máis establecido como ao que chega, e isto fainos normais”. Fóra deste selo, Coira destaca a importancia do filme 18 comidas, “é un cinema pensando de maneira alternativa, e me parece unha moi boa nova para o audiovisual galego. Como tamén está fóra e penso que é un dos grandes valores o director Mario Iglesias, ou o filme Retornos, que é un dos mellores exemplos de algo que podería ser cinema negro feito en Galicia, ademais da magnífica ópera prima de Luis Avilés”. Fóra do cinema propiamente dito, Coira rescata unha novidade no noso audiovisual que se deu neste 2010 na televisión. “é remarcable o lanzamento de determinados formatos de produción de baixo orzamento nados co abeiro de V televisión. Están facendo unha grella con poucos cartos e na que hai traballos moi destacados”. Non podía faltar neste resumo do ano unha nova tan importante e recente como é a aparición en Rusia dunha nova versión do filme Galicia de Carlos Velo. “paréceme unha supernoticia. Fóra de que se poida recuperar todo o material ou só unha parte, é algo magnífico”.

Música
Pepe Cunha, responsable do portal Abretedeorellas.com, destaca como unha das novidades deste 2010 na música galega “o regreso do selo Do Fol, que estaba bastante parado, cos discos de Mercedes Peón e A Banda das Crechas. No pop-rock salientaría o traballo de Ernie Records, que publicou os últimos discos de Holywater e Niño y Pistola”. Como tendencia dos últimos doce meses, Cunha detecta “unha especie de moda por facer discos para nenos, como A nena e o grilo de Maxín Blanco. Afiánzase tamén a aposta dos músicos galegos pola autoedición. “Dous dos nosos mellores grupos, como son Berrogüetto e Marful, están a apostar por esta fórmula e pola autoxestión total”. A nivel de concertos internacionais, este crítico salienta o ciclo Xacobeo Importa “saiu moi ben e primouse máis a calidade do que a espectacularidade ou o recoñecemento popular dos grupos”. Continúa tamén, ao igual que nos últimos anos, a proxección exterior da música feita no noso país, con casos como Triángulo de amor bizarro ou os mentados Niño y Pistola. "Véxoos que teñen produtos bos, pero tampouco posúen un selo distintivo galego, poderían ter saído doutro sitio. Onde estamos moi fortes de cara a fóra é nesa liña que está entre as músicas do mundo e o folk, con artistas como Mercedes Peón ou Marful, ou mesmo o proxecto Aló Irmao". Nos directos galegos, “foi un fito o concerto que deu Lamatumbá o 24 de xullo en Compostela. Foi un dos primeiros anos que se apostou por un grupo galego para as celebracións do Apóstolo e conseguiron encher a praza da Quintana”. Pola banda negativa, Cunha critica o escaso apoio que a Radio e a Televisión públicas lle achegan aos nosos músicos. “Ten dúas canles pero son moi minoritarias e non se aposta por estes produtos”.

Artes plásticas
Nuria Blanco, da consultora Moret Art, sinala que o 2010 non deu en grandes novidades dentro das artes plásticas. “Continuamos na mesma liña do que o ano pasado, non hai moitas diferenzas en canto ás tendencias dos creadores do sector”. Nesa liña de continuidade, no entanto, destaca a consolidación en 2010 da liña ascendente que están a vivir nos últimos anos determinadas formas creativas. “Tanto a fotografía como a pintura figurativa levan unha temporada collendo maior presenza, non é algo repentino, pero teñen cada vez máis peso, e semella unha tendencia imparable”, lembra. Relacionado con isto, destaca a importancia das exposicións de fotografías que se programaron nos últimos doce meses. “Exposicións como a de Cristina García Rodero ou Cándida Höfer son un luxo. Tamén resultou moi destacada a mostra polo centenario de Seoane”. En xeral, a nivel expositivo, Blanco apunta que “están a se facer moitas cousas aínda que as institucións non están no mellor momento para desenvolver proxectos. Os xestores están a demostrar que teñen creatividade para desenvolver proxectos con poucos recursos”.

A escena
Nas artes escénicas, Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática, de Vigo, sinala que o 2010 foi un ano no que produciu unha certa recesión na creatividade do sector. “Nos últimos catro ou cinco anos, Galicia viviu un florecemento importante de novas tendencias e formas escénicas, así como de novos creadores. Pero agora vexo que todo ese potencial creativo está un pouco detido, e renunciar a el supón abandonar unha liña de empreddemento que é fundamental”. Experiencias de novo circo, compañías que se estaban a formar ou as tendencias que estaban a mudar o panorama galego da danza están, ao ver de Vieites, “algo paradas. Tamén no caso das salas, obsérvase un funcionamento ao ralentí, e iso é unha mala nova para o sector logo de que se dese un florecemento importante”.